Espazos Sonoros

Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia

 

A todo o mundo lle aconteceu nalgunha ocasión, ao visitar algúns dos nosos impresionantes bens patrimoniais, sentir como se nalgún dos seus recunchos ocultos, se producira música; como se o espazo tivese unha banda sonora propia que nos acompaña e vixía a nosa visita. Dalgunha maneira, ás veces, os desexos convértense en evocación e eses soberbios ou humildes edificios que sentiron o paso da historia preséntansenos como extraordinarios escenarios de concertos aos que nos gustaría asistir. 

O patrimonio chama así pola música, por esa maridaxe que non é nova, que se produciu no inicio dos tempos mais que, mesmo así, continúa a ser novidade. O patrimonio histórico vese e síntese e a música escoitase e vívese en Espazos Sonoros de maneira conxunta, con sensacións que se suman nunha experiencia única.

Neste sentido, desde a Deputación da Coruña, abrazamos o proxecto, apoiamos o seu desenvolvemento e abrimos as portas dalgúns dos bens que forman parte do patrimonio da institución. Desta maneira, o Pazo de Mariñán, o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo de Zas convértense en escenario para formar parte deste conxunto que, xunto coas igrexas de San Fins, Luaña, Cornanda de Brión e Santiago de Cereixo en Vimianzo compoñen este extraordinario circuíto que recupera unha das ideas máis felices na programación musical deste país, a impulsada pola música, investigadora e xestora cultural Belén Bermejo a quen lle agradecemos o seu entusiasmo e bo facer á hora de deseñar esta iniciativa. 

Nas áreas de Cultura e Patrimonio da Deputación da Coruña comprácenos iniciar esta andaina conxuntamente e ofrecer un programa de calidade en espazos singulares, a través dun calendario de experiencias únicas, para vivilas e sentilas, para gozar da música e admirarse coa arte. Ao tempo, conxuntamente, en propostas para non esquecer. 

Espazos Sonoros ofrece neste ano de recuperación un conxunto de concertos de gran calidade, acaídos para os lugares singulares en que se producen, iniciativas para partillar e vivir nun tempo en que a palabra desconfinamento, con todos os protocolos, se impón nos nosos desexos. Trátase, polo tanto, de desconfinar o patrimonio e desconfinar a música ao vivo, da mellor das maneiras, cun programa único que convidamos a partillar. 

 

Xurxo Couto 

Deputado de Cultura da Deputación da Coruña

Xosé Luís Penas

Deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña

 

Apunta Pascal nos seus Pensamentos que o presente nunca é o noso obxectivo. Recuperamos o pasado como aferrándonos a el e anticipamos o futuro como se este se aproximase lento demais. O pasado e o presente son medios para conseguir un único obxectivo, que é o futuro. Algo así como agardar que a vida aconteza sen reparar en que xa está acontecendo, esquecer o aquí e agora na procura do que virá, coa ansia de facer sempre máis, máis rápido e mellor. Este último ano e medio foi, de seguro, un tempo de incerteza, medo e preocupación. Mais, probablemente, foi tamén unha oportunidade para abrir unha xanela a un presente esquecido na voráxine dos días. Con todo detido e sen perspectiva clara, abriuse a posibilidade de reparar en nós como habitantes do tempo que nos toca vivir. Fóra do inevitable trastorno que a situación puido ocasionar, foi un tempo para o retiro, para observar, para reparar en imaxes como a das rúas desertas, no silencio, no canto dos paxaros ou nos abrollos das árbores e os cambios de estación que continuaban o seu percurso. 

Se de algo puido servir este tempo detido, que fose para devolver ás musas un modesto espazo no que acomodarse nas nosas vidas. E é por iso que volvemos coa vontade renovada de seguir creando espazos para o encontro coa música, os artistas, o coñecemento e con nós mesmas. Seguiremos a trazar conxuntamente camiños para afrontar desde o presente un futuro sempre incerto, pero aportando elementos que permitan, tal vez, sobrelevar mellor esa incerteza.

Servíndonos unha vez máis dunha sorte de dramaturxia do próximo, saímos novamente á descuberta dos espazos do patrimonio da man de proxectos musicais de primeiro nivel, na procura de experiencias artísticas e humanas máis intensas e directas. A crise que está a provocar a pandemia evidencia a necesidade de reforzar os ámbitos do local, do máis inmediato. De aí a nosa aposta por xerar ese impulso creando comunidade, sen deixar de poñer a ollada noutras culturas e paisaxes do resto do mundo. Grazas ao inestimable apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Brión, Vimianzo e das parroquias de San Fins, Luaña, Cornanda e Santiago de Cereixo, Espazos Sonoros volve como presaxio de luz de outono e música.

 

Belén Bermejo López

Directora artística do festival Espazos Sonoros

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos