Obradoiro de achegamento á música antiga

Unha cita coa música antiga e os seus instrumentos para coñecelos e gozalos

 

O MUNDO DA LUTHERÍA OU NA BUSCA DOS SONS PERDIDOS

 

Domingo 23 de setembro, 17.00 h

Santa María de Castrelo, Castrelo de Miño (Ourense)

(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita ao taller de luthería de Ismael Vaz)


Erea Blanco, instrumentos de tecla
Valentín Novio, corda pulsada
María Giménez, percusión e voz
Pablo Ruibal, corda fretada
Felipe Rodríguez, instrumentos de vento
  
Modera Andrés Díaz

Unha edición máis, adentrámonos de cheo no mundo da música antiga para observar de preto e gozar daqueles aspectos non sempre visibles nin accesibles durante os concertos aos que asistimos durante o festival. Desta volta, diriximos a ollada cara ao mundo da luthería. A construción de instrumentos musicais constitúe un traballo artesanal de elevada complexidade e especialización, nomeadamente cando se trata de recuperar instrumentos que foron empregados outrora, en épocas máis ou menos distantes no tempo, para a interpretación de música. Existen en museos e coleccións particulares numerosos exemplos de instrumentos antigos que sobreviviron ata os nosos días, violas da gamba, violíns, frautas, claves, pianofortes etc. Existen tamén, ao longo de todo o mundo, especializados artesáns que dedican o seu traballo á construción e reparación destes instrumentos, para o que empregan técnicas e coñecementos altamente refinados. Tamén en Galicia existe unha crecente industria artesanal dedicada á luthería e á construción de instrumentos antigos e tradicionais, e obradoiros que subministran a músicos de todo o mundo. Precisamente, para achegármonos ao traballo destes artesáns, propomos unha nova xornada na que visitaremos o obradoiro de instrumentos antigos de corda fretada Vaz Música Antiga. Alí poderemos observar moi de preto onde e como traballa un destes artesáns, capaces de converter un anaco de madeira no son máis sublime. 

Na segunda parte da xornada, na igrexa de Santa María de Castrelo de Miño, teremos oportunidade de conversar distendidamente sobre históricas estirpes de construtores (Amati, Stradivari, Steiner) e sobre as coleccións de instrumentos antigos que se conservan en museos, ao tempo que gozaremos dunha amplísima colección de instrumentos de diferentes familias, procedentes de diversos artesáns e reproducidos a partir de variadas fontes iconográficas, cos que faremos música ao vivo.

 

Hora e lugar de encontro: 15.00 h, no lugar de Santa María de Astariz, na praciña diante da igrexa

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 8 ao 19 de setembro, en actividades@espazossonoros.org 

Público: para todos os públicos, con ou sen coñecementos de música

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos