Coñece o teu patrimonio

Espazos Sonoros continúa a súa andaina con propostas que afondan no coñecemento e goce do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, etnolóxico, pacego e fortificacións militares defensivas transfontreirizas son, entre outros, os ingredientes básicos para unha proposta de lecer que complementará, unha edición máis, a oferta de programación musical.

Xornada a carón das Illas Atlánticas

Illa de Sálvora, Ribeira (A Coruña)

Sábado 1 de setembro, 10.00 h

(ás 20.00 h, concerto de Marés no Quinteiro de Temperán, O Grove, Pontevedra) 

 

Comezamos o noso percorrido polos Espazos Sonoros, na súa undécima edición, visitando unha das illas menos coñecidas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Illa de Sálvora. A illa está, na actualidade, e despois da xubilación do último fareiro, totalmente despoboada. Aínda así, consérvanse os restos do antigo poboado coas súas casas, hórreos, a fonte, así coma o faro e a que foi fábrica de salga, reconvertida en pazo polo seu último propietario. A illa é dun grande interese desde o punto de vista das especies endémicas que nela medran e só son posibles visitas restrinxidas e controladas para realizar o percorrido das dúas rutas existentes, a ruta do faro e a do poboado.

A segunda parte da xornada levaranos a terra firme, ao lugar de Temperán, na parroquia de San Vicente do Grove, para visitarmos unha antiga casa labrega do século XVIII restaurada e adaptada para usos etnográficos e culturais, como centro de interpretación para o coñecemento da cultura tradicional do mundo rural galego. Alí teremos oportunidade de participar nun xantar conxunto e de nos achegar á experiencia da vida cotiá nunha casa de arredor de 1800, que ten todos os elementos que a definen, como son a lareira, o cuarto de durmir, a adega, o alboio e o quinteiro, e de participar nos obradoiros relacionados coas actividades típicas que se desenvolvían no rural nesa época do ano: a malla. 

Ao final da tarde, e no patio da casa, poderemos desfrutar das evocadoras músicas do conxunto Marés.

Programa da xornada 

Ás 10.00 h, encontro no porto do Grove para a saída en barco e rutas pola illa (o prezo da pasaxe, 15 euros e 7 euros para menores de 12 anos, inclúe degustación a bordo de mexillóns, viño, auga e refrescos) 

Ás 14.30 h, regreso ao porto do Grove

Ás 15.00 h, xantar conxunto no Quinteiro de Temperán con produtos da casa, visita ao centro de interpretación da cultura agraria e obradoiros de agricultura tradicional (prezo 15 euros) 

Capacidade máxima: 60 persoas 

Dificultade: baixa

Inscrición: do 18 ao 29 de agosto, en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Roupa e calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol
  • Un impermeable por se chove e roupa de abrigo para o barco
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

 

 

Visita contextualizadora ao campamento romano de Ciadella

Campamento romano de Ciadella, Sobrado (A Coruña)

Domingo 2 de setembro, 17.00 h

(ás 19.00 h, concerto do grupo Sax Antiqua)


Antes do concerto do grupo Sax Antiqua, que terá lugar onda os restos dun dos máis importantes conxuntos arqueolóxicos de época romana dos que se conservan en Galicia, teremos oportunidade de realizar unha visita contextualizadora ao campamento, guiada por expertos técnicos do servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, responsable das escavacións e actuacións arqueolóxicas que se están a levar a cabo neste espazo. 

Alí, en Terra de Melide, teremos oportunidade de coñecer de preto os diferentes elementos estruturais dun campamento militar romano, que estivo activo entre os séculos II e IV e que dispuña de todas as dependencias necesarias para o desenvolvemento das tarefas de adestramento militar e da vida diaria dos seus habitantes, desde os soldados de infantería e cabalería ata os comandos e as súas familias, así como as persoas que desenvolvían diferentes oficios nas ferrerías, curtidoiros ou fornos de pan. Desta maneira, poderemos apreciar e recoñecer de primeira man os diferentes elementos que viron a luz, froito de escavacións levadas a cabo ao longo das últimas décadas, e que retoman o labor desenvolvido nos anos trinta polo historiador e arqueólogo Ángel del Río, o primeiro en apuntar a hipótese de que se trataba dun campamento e non dunha mansio viaria.

Hora: 17.00 h 

Inscrición: non é precisa inscrición

 

Xornada literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo

Casa Grande de Trasalba, Amoeiro (Ourense)

Sábado 15 de setembro, 11.00 h

(ás 19.00 h, concerto do M.Sancho Quartet)


“A miña nenez en Trasalba é definitiva; é o contacto co cosmos, coa noite terrible, cos solpores, a chuvia e os cambios de lúa. Que podo dicir de todo isto…?”. R. Otero Pedrayo 


A casa Grande de Cimadevila será o punto de encontro para unha xornada na que celebraremos e compartiremos aquel fondo sentir do Patriarca das letras galegas polos espazos e lembranzas da súa infancia, polo lugar escollido para o seu retiro interior cando foi apartado do seu posto docente, un espazo ao que volve entón para pasar un longo inverno, ler os clásicos e escribir… A nosa xornada comezará cun percorrido literario a través da obra de don Ramón, do que se cumpriron 130 anos do seu nacemento en 2018, que nos guiará polos arredores da casa Grande: a estrada, o pazo do Campo, o adro da igrexa de San Pedro, os muíños, o penedo Redondo… De volta na casa faremos un xantar conxunto no patio, gozaremos da sobremesa cun paseo polos seus xardíns e, pola tarde, visitaremos os espazos da casa na que viviu o escritor e que inspirou parte da súa obra literaria.  

Ademais, durante o noso percorrido pola casa, faremos parada na sala nobre, inzada de recordos persoais de Otero, entre os que destaca un dos mapas orixinais de Fontán que se conservan en Galicia. A paixón do escritor pola xeografía é coñecida e foi a que o levou a opositar á cátedra de xeografía e historia no instituto de Ourense, que hoxe leva o seu nome. Anos depois da súa depuración, logo da contenda civil, obterá a cátedra de xeografía e historia na Universidade de Santiago de Compostela. 

Otero Pedrayo tiña, cando menos, dous exemplares do mapa de Fontán, un deles co que agasallou as colectividades galegas de Buenos Aires na súa viaxe de 1947. Aquel “mapa grande” pasou tamén a formar parte do seu universo literario. Da man de Alfonso Vázquez Monxardín, historiador, arqueólogo e profesor de literatura, teremos oportunidade de coñecer, de preto, a figura e o legado do científico galego Domingo Fontán (1788-1866), autor da prezada Carta geográfica de Galicia, ao que este ano se lle dedica o Día da Ciencia en Galicia.

Programa da xornada:

11.00 h, encontro na casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) e percorrido literario pola contorna

14.00 h, xantar conxunto na casa Grande (opcional)

16.00 h, visita guiada pola casa familiar

17.30 h, charla sobre Domingo Fontán

19.00 h, concerto do M.Sancho Quartet

Capacidade máxima: 50 persoas 

Dificultade: baixa

Inscrición: do 1 ao 12 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Roupa e calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Tras as pegadas do Mariscal

Atalaia da Frouseira, Foz, (Lugo)

Domingo 16 de setembro, 15.00 h

(ás 19.00 h, concerto do VIVID Consort en San Martiño de Mondoñedo)

 

Na compaña do historiador Anselmo López Carreira, subiremos ata ao mirador da Frouseira, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro, lugar no que resistiu durante tres anos ao asedio dos exércitos dos Reis Católicos o mariscal Pardo de Cela, para achegármonos á figura do mito e a un dos episodios máis relevantes e decisivos da historia de Galicia, acontecido no século XV. A fortaleza de Pena Frouseira, bastión natural case inexpugnable, aséntase sobre un afloramento granítico a unha altura de 429 metros e a súa planta adáptase ás moitas irregularidades do terreo. Aparece mencionada, por vez primeira, nun documento do ano 1156 e sufriu estragos serios durante as revoltas irmandiñas, polo que, tempo despois, será reconstruída. Logo do cruento asedio ao que se viu sometida entre 1480 e 1483 polas tropas reais do gobernador Fernando de Acuña, no proceso de anexión do Reino de Galicia, a fortaleza quedará definitivamente destruída. Os restos que hoxe se conservan son poucos e en moi mal estado, e deles parece deducirse a existencia de tres recintos. Pénsase que o recinto inferior puido servir como corte de cabalos e residencia de tropas, o do medio probablemente era o patio de armas e o recinto superior, ao que se accede por unha escaleira tallada en pedra, era onde estaba a torre da homenaxe.

 A execución do nobre e intereseiro Pero Pardo de Cela en Mondoñedo, en 1483, deu lugar a un cantar, o Pranto da Frouseira, e a un romance. Os dous relatan o feito da traizón acontecida, que puxo a Pero Pardo en mans dos seus inimigos. Así comeza a mitificación da Frouseira e do mariscal: de comenenciudo nobre pasará a converterse en vítima e mesmo en heroe. Será o nacionalismo das Irmandes da Fala, desde 1916, que pretende construír os elementos da identidade da nación galega, quen retome este proceso de idealización da figura de Pardo de Cela e é así que a Frouseira se converte nun lugar de memoria.

Para finalizar a xornada, e antes de escoitar o concerto do VIVID Consort, faremos unha parada na basílica de San Martiño, para percorrela en visita comentada.


Hora e lugar de encontro: 15.00 h, na explanada ao pé do miradoiro da Frouseira

Coordenadas: 43.536774, -7.354539

Distancia: 1 km aprox.

Dificultade: media (a distancia é curta, pero o desnivel é acusado e o terreo é irregular) 

Inscrición: non é precisa inscrición

 

Roteiro polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio

O Incio (Lugo)

Domingo 30 de setembro, 12.00 h

(ás 19.00 h, concerto de PER-SONAT na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital)

 

A xornada comezará de mañá para percorrer diferentes elementos do rico e descoñecido patrimonio arqueolóxico da zona. O percorrido sairá da aldea de Bermún, situada sobre o castro que leva o seu nome. Alí visitaremos a cova de Bermún, ao carón mesmo da aldea, e percorreremos uns catro kilómetros ata o castro defensivo de Formigueiros, un asentamento da Idade de Ferro que foi escavado recentemente e no que se atoparon varias inscricións sobre lousas de xisto de grande interese. De camiño ao castro, pola crista das serras de Bistilleiro e Santa Mariña, visitaremos uns petróglifos, unha necrópole megalítica coas súas mámoas e unha capela en ruínas. De volta baixaremos cara ao río Mao, para facer unha paradiña e tomar un refrixerio. 

Pola tarde, desprazarémonos ata A Ferrería, un pequeno lugar no que existiu unha antiga industria siderúrxica artesanal -a que deu lugar ao topónimo-, unha zona na que son abondosas as vetas do mineral de ferro, orixe, á súa vez, da presenza na contorna de augas ferruxinosas. De feito, tense constancia, xa desde o século XVI, da existencia dun manancial pertencente á Orde de San Xoán de Xerusalén. Para aproveitar as augas medicinais, a fins do XIX, construíuse no lugar un balneario, que permanece en estado ruinoso. Ao longo da visita achegarémonos ao significado e función das antigas ferrerías, á importancia do mineral de ferro en Galicia e ao proceso de obtención do ferro a partir dos minerais máis abondosos nesta zona, o hematites e a goethita, este último intimamente relacionado coa figura de Goethe, pois foi o minerólogo alemán Johann Georg Lenz o que lle puxo ese nome ao mineral, en 1806, en lembranza do escritor e xeocientífico.

 

Programa da xornada 

Mañá: saída ás 12.00 h da aldea de Bermún e roteiro polo patrimonio arqueolóxico

Tarde: saída ás 16.00 h cara á Ferrería (traxecto nos vehículos particulares) e pequeno roteiro de aproximación aos usos do ferro en Galicia

Ás 19.00 h, concerto na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital

Hora e lugar de encontro: 12.00 h, na aldea de Bermún

Duración: 4 horas aprox. (inclúe unha pequena parada para tomar un refrixerio)

Distancia: 10 km aprox.

Dificultade: media-baixa (todo o percorrido é por estrada ou pistas de terra). 

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 15 ao 26 de setembro, en actividades@espazossonoros.org  

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol e un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño 

 

Ruta dos muíños

Muxía (A Coruña)

Domingo 7 de outubro, 12.00 h

(ás 19.00 h, concerto de Romanza na igrexa de San Xiao de Moraime)

 

Para a xornada de clausura, e como aperitivo do concerto que terá lugar na igrexa de San Xiao de Moraime, propomos unha ruta circular que ten como punto de partida e chegada esta mesma igrexa, unha edificación que outrora formou parte dun mosteiro fundado arredor do século X e que foi o centro económico e cultural que daría lugar ao nacemento da vila de Muxía.

Desde alí baixaremos polo Camiño de Santiago ata ao paseo dos muíños do río Negro, que lle dan nome á ruta. Logo de atravesar a praia de Area Maior, continuaremos subindo cara ao lugar de Chorente, onde se atopa a capela de San Roque. Antigamente, practicábase nela o rito de “cambio de tella” para favorecer que virase o vento e que os mariñeiros puidesen volver a terra. Durante o percorrido pasaremos tamén pola vila de Muxía e teremos oportunidade de facer parada no santuario da Nosa Señora da Barca, de pasar ao carón dos secadoiros de congro e de percorrer o pequeno núcleo de Figueiras de Abaixo, formado por construcións que manteñen a súa fisionomía orixinal con cadanseu cabazo ao carón.  

De volta a Moraime poderemos visitar a igrexa, para contemplar e comentar as impresionantes pinturas murais que foron, recentemente, obxecto de restauración. Ambientarémonos, así, para a escoita do concerto de música medieval que ofrecerá Romanza.

Hora e lugar de encontro: 12.00 h, no adro da igrexa de San Xiao de Moraime

Duración: 4,5 horas aprox. (con parada para tomar un pequeno refrixerio)

Distancia: 11,5 km aprox.

Dificultade: media 

Capacidade máxima: 60 persoas 

Inscrición: do 22 de setembro ao 3 de outubro, en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Roupa e calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra e protección para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos