Santa María de Castrelo, Castrelo de Miño (Ourense)

Domingo 23 de setembro, 17.00 h

Obradoiro de achegamento á música antiga
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita ao taller de luthería de Ismael Vaz)

 

Nun outeiro, dominando o paso do río Miño, atópase a igrexa de Santa María de Castrelo. A súa orixe parece remontarse a un mosteiro dúplice, chamado castrellum, existente nese mesmo lugar xa na Alta Idade Media. Amais diso, non está totalmente claro se neste emprazamento, certamente privilexiado, se atopaba tamén o castelo de Castro Minei, que controlaba tanto as rutas entre Compostela e Portugal coma entre Ourense e os portos de Pontevedra e Vigo. 

Cara ao ano 947, o mosteiro era xa só feminino e tivo, no cambio de milenio, certa relevancia nalgúns acontecementos da historia de Galicia. Nel retirouse a raíña Goto, viúva do rei de Galicia Sancho Ordóñez, e tanto ela, finada no ano 967, coma o propio rei, que morrera en 929, foron soterrados neste mosteiro. Por semellantes datas sucederían neste mesmo lugar outros acontecementos relevantes. A Crónica de Sampiro, bispo que foi de Astorga, sitúa o envelenamento do rei de León e Galicia, Sancho I o Craso, neste mesmo lugar, no ano 966. A dita crónica conta que un conde de orixe galega, chamado Gundisalvus (é dicir, Gonzalo, mais non está totalmente claro de quen pode tratarse), ofreceu no mosteiro a mazá envelenada que lle traería a morte ao rei. Tamén, e se aceptamos a hipótese de que o castelo de Castro Minei se atopaba neste outeiro, sucedería aquí o episodio da traizón e apresamento, a mans de Airas Pérez, do bispo Xelmírez, da condesa de Traba, e mais do seu protexido e herdeiro da coroa de Galicia, Afonso Reimóndez, o futuro Afonso VII. O fillo de dona Urraca contaba daquela con 6 anos e, debido á forte influencia sobre el do poderoso conde de Traba, suscitou os receos de boa parte da nobreza galega e mesmo da súa propia nai, que desembocaron nunha guerra civil que remataría neste lugar. A pesar destes feitos, Afonso Reimóndez sería finalmente coroado, nese mesmo ano de 1111, por Xelmírez, na catedral de Santiago de Compostela. 

O edificio da igrexa só conserva da época medieval a ábsida, ricamente decorada, e mais a torre. A nave viuse seriamente afectada polo terromoto de Lisboa, do ano 1755, e foi reconstruída no ano 1763, a cargo da propia fábrica da igrexa, cando era prior Manuel Regueira e Guerrero. Na súa parte interior, a ábsida conserva unhas interesantes pinturas da segunda metade do século XVI, con escenas do Xuízo Final. A pesar da súa inxenuidade, presentan unha forte carga simbólica, o que dificulta a súa interpretación. As cartelas, non sempre presentes neste tipo de pinturas, axudan a identificar determinados personaxes (David, Moisés, Pedro e Miguel), os pecados capitais (avaricia, luxuria, ira e preguiza) ou mesmo temas ou ideas como as de “mudo”, “carne” ou “cunciencia” (sic).

 

 

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos