Igrexa de Santa María, Baiona (Pontevedra)

Sábado 8 de setembro, 20.30 h

Capella Sancta Maria


A igrexa de Santa María de Baiona é un templo, de aspecto fortificado, de tres naves rematadas en ábsidas rectangulares, tipoloxía non moi frecuente. Pertence ao estilo románico de transición, oxival, e edificouse no século XIII, aínda que parece que, nese mesmo lugar, había xa, no século XII, un templo que, por un privilexio de 1137 de Afonso VI, pasou a depender do mosteiro de Santa María de Oia, pertencente este á orde do Císter. A este feito pódese deber a similitude que garda a nave principal da igrexa coa de Oia. A fachada occidental dispón de dous potentes contrafortes que enmarcan un rosetón e a porta, que ten tres pares de columnas, coas súas arquivoltas, e un tímpano liso. No seu interior, a planta é basilical con tres naves de seis tramos  -a central de maiores dimensións-, cubertas con bóveda de canón apuntada. Nas naves reconstruíuse o teito de madeira. 

Durante máis de catro séculos, a igrexa tivo o rango de colexiata. Fora instituída como tal por Diego de Muros, bispo de Tui, en 1482, e así perdurou ata o Concordato de 1851, que suprimiu todas as colexiatas, agás algunhas singulares (como a de Covadonga ou Roncesvalles), e aquelas situadas en capitais de provincia que non tiñan unha sé episcopal, como sucedeu en Galicia coa da Coruña. Na súa nova función como colexiata, a música cobrou unha certa relevancia. O padre Flórez, no tomo XXIII da súa famosa España sagrada, recolle que, das 11 racións que tiña, nove eran ordinarias pero as outras dúas, que se obtiñan por oposición, estaban reservadas para un organista e un cantor. Ademais, a colexiata contaba tamén con catro nenos de coro. Boa proba desa intensa vida musical é que temos constancia de que, nunha data moi temperá, 1515, había xa na colexiata un órgano construído por Juan de Entenza, organeiro que nesas datas estaba a construír outro para a catedral de Tui. Con posterioridade, en 1791, o organeiro compostelán José Benito González de Seixas fará un novo, que será o que sobreviva ata o século XX, cando o órgano e mais o coro coas súas reixas foron retirados da nave central. 

Xunto co levantamento planimétrico 3D, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultura levou a cabo, en 2017, a redacción do proxecto de restauración da igrexa, que contempla diversas actuacións de mellora, como a reparación da totalidade da cuberta e reparacións puntuais na súa estrutura de madeira, a supresión de humidades nos paramentos interiores e renovación de revocaduras, a reparación das vidreiras e a limpeza e rexuntado da pedra das fachadas.


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos