San Pedro Fiz do Hospital, O Incio (Lugo)

Domingo 30 de setembro, 19.00 h

PER-SONAT
(Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, roteiro polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio)

 

De entre todos os monumentos medievais que agroman ao longo do Camiño de Santiago en terras galegas, hai un que destaca especialmente pola súa singularidade e beleza. Trátase da igrexa románica de San Pedro Fiz, situada na parroquia lucense do Hospital do Incio, na comarca de Sarria. Esas características, singularidade e beleza, véñenlle dadas porque na súa construción foron empregados perpiaños de pedra caliza e mármore azul, extraídos das canteiras dos arredores, aínda que o engado que rodea a este monumento proveña tamén, seguramente, daquela lenda segundo a cal foi rematado polo demo nun só día.

O templo, que se remonta ao século XII, érguese sobre unha cuíña á beira do río Cabe e sábese que facía parte dun poderoso conxunto, composto polo referido templo, unha fortaleza, unha pousada e un hospital para xente necesitada e peregrinos. O conxunto pertencía á orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén e era unha das sete encomendas desa orde en Galicia. Orixinalmente, a igrexa dispuña de dúas torres defensivas, das que soamente se conserva unha, reconvertida logo en campanario e situada algo separadamente da nave da igrexa. Ao parecer, os perpiaños desa segunda torre foron empregados para erguer o panteón dunha das máis importantes familias nobres galegas, os Quiroga.  

A fachada principal, orientada ao oeste, dispón de oito columnas con sinxelos enfeites vexetais nos linteis e nela aparece unha cruz de Malta coroada, símbolo da orde Hospitalaria de San Xoán. Igualmente, no tímpano da outra portada, orientada cara ao sur e de dúas arquivoltas, aparece outra representación austera da cruz de Malta. 

A planta da nave é rectangular con presbiterio e ábsida poligonal. Está dividida en tres tramos mediante dous pares de pilastras con semicolumnas pegadas, posiblemente para sustento de arcos faixóns e dunha bóveda que non foi construída. No seu lugar, cobre a nave un teito de madeira a dobre vertente. Na cabeceira, un grande arco triunfal dálle paso a un presbiterio con bóveda de canón que, mediante outro arco, se une coa ábsida cuberta cunha bóveda de cuarto de esfera con dúas nervaduras e sustentada esta en columnas singulares. Algúns dos capiteis das columnas presentan decoración de tipo zoomórfico.  

Os muros da igrexa son grosos. Na parte sur hai unha porta e dúas xanelas grandes, e na parte norte achamos un sepulcro do século XV, concretamente de frei Álvaro de Quiroga, comendador do priorado de San Xoán de Portomarín. Tamén este sepulcro está rodeado por outra lenda, que agoira o derrubamento da igrexa o día que se alzar a súa tapa. En canto á iconografía interior, cómpre destacar a talla de Cristo crucificado de catro cravos, de finais do século XIII, e unha imaxe da Virxe María dándolle leite ao Neno Xesús. Xa do período barroco destaca o retablo lateral esquerdo, con ornamentación máis profusa e representación dos apóstolos e Xesús Cristo. Durante un proceso de restauración da igrexa que se levou a cabo en 1986, achouse, entre os cascallos do presbiterio, unha peza esculpida coa efixie de Cristo crucificado, con dous rostros por riba dos brazos que representan o Sol e mais a Lúa, e dúas figuras ao seus pés. 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos