San Martiño de Mondoñedo, Foz (Lugo)

Domingo 16 de setembro, 19.00 h 

VIVID Consort
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, tras as pegadas do mariscal)

A basílica de San Martiño de Mondoñedo atópase en terras da Mariña lucense, no concello de Foz. Estamos a falar dunha das máis interesantes construcións alto-medievais galegas, tanto no referente á súa historia, pois está considerada a catedral máis antiga de España, como á riqueza artística que agochan os seus muros.  

As súas orixes remóntannos ao século VI, cando os cristiáns bretóns, que fuxían dos anglosaxóns, alcanzan a costa lucense e fundan unha primeira sé episcopal, Bretoña.  A igrexa bretoñesa, de carácter monacal, tiña á fronte das comunidades un bispo que era dirixente político e relixioso. Esta sé descríbese no Parrochiale suevum como un conxunto de igrexas dispersas no territorio doutras dioceses, pero exentas da súa xurisdición. Tempo despois, no ano 866, a causa da invasión musulmá, o bispado de Dumio (actual Braga) ten que deixar a súa sé e procura acubillo en Mendunieto, lugar que agora ocupa a basílica. Alfonso III crea unha nova sé episcopal en San Martiño de Mondoñedo e posteriormente dóalle ao bispo algúns territorios. O primeiro bispo desta nova sé episcopal foi Sabarico, ao que sucederon personaxes tan relevantes como San Rosendo, fundador do mosteiro de Celanova. En 1112, no tempo da raíña Urraca, a sé de San Martiño é trasladada cara ao interior –talvez como medida preventiva ante posibles ataques pola costa–, ata ao lugar de Vilamaior do Val de Brea ou Valibria. En lembranza do episcopado primitivo, mudará o seu nome en Mondoñedo. Despoxada do seu episcopado, cóengos regulares de Santo Agostiño pasaron a ocupar o espazo ata finais do século XV, momento no que foron substituídos por frades franciscanos, que permanecerían alí ata o século XVII.

O estilo da basílica de San Martiño de Mondoñedo encádrase no chamado románico lombardo catalán, en contraposición ao estilo románico máis común do noroeste peninsular, o borgoñón ou francés. Foi construída con pedra de cachotería de lousa e cadeirado granítico entre os séculos IX e XII, presumiblemente sobre un mosteiro fundado con anterioridade. De planta basilical, está estruturada en tres naves de cruceiro e tres ábsidas semicirculares. Presenta unha fachada con porta de arco abucinado de medio punto con catro columnas, dúas delas da igrexa prerrománica, e tímpano tallado cun crismón e año con cruz. No lateral dereito figura unha torre con campanario de dous corpos, un do século XV e a cúpula, do século XVIII. No exterior, ao longo da cornixa, destacan numerosos canzorros figurados, entre os que se contan diversas figuras que representan de maneira explícita o pecado da luxuria. No interior achamos capiteis historiados de grande interese, como a escena que representa a degolación do Bautista ou o capitel que narra a historia do rico Epulón e o pobre Lázaro, e o coñecido antipendio, retablo pétreo situado no altar maior, no que se representa o tema da Maiestas Domini. Na cabeceira e nas ábsidas laterais, no muro da nave dereita e no ciborio, consérvanse importantes pinturas de diferentes épocas, desde o románico ata o século XVI, mentres que as do ciborio datan do século XIX. Na reforma da igrexa, en 1886, reforzáronse as ábsidas cuns contrafortes que lle dan o actual aspecto de fortaleza.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia acometeu en 2017 obras de conservación e acondicionamento na reitoral, xunto co desenvolvemento da museografía para a posta en marcha do centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo. 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos