Campamento romano de Ciadella, Sobrado (A Coruña)

Domingo 2 de setembro, 19.00 h

Sax Antiqua
(Coñece o teu patrimonio. Ás 17.00 h, visita contextualizadora)

 

Este xacemento arqueolóxico está situado ao lado da igrexa parroquial de Santa María de Cidadela, en Sobrado, nun altiplano de 500 metros de altura, que linda ao oeste co río Cabalar e ao sueste co río Pequeno. Deuse a coñecer para a historiografía a comezos do século XX da man dos traballos do erudito padre García Romero, que o identificou como mansión viaria, se ben semella que, xa con anterioridade, houbo actividades extractivas na zona. Nos anos trinta, o historiador e arqueólogo Ángel del Castillo retoma as campañas de escavación e é el o primeiro en suxerir que podería tratarse dun campamento romano con fins puramente militares e non dunha mansio, ou paradas oficiais do sistema viario romano. O campamento non se vai escavar de maneira sistemática ata os anos oitenta do século pasado e os traballos continúan na actualidade. O conxunto resulta fundamental para o coñecemento da presenza militar romana no noroeste peninsular e do poboamento do rural galego no período xermánico e altomedieval.

O xacemento data do século II e a súa funcionalidade responde a motivos estratéxicos e militares, pois a súa localización permitía controlar o paso da zona costeira cara ao interior, a través da vía que unía Brigantium con Lucus Augusti. Pola súa extensión resulta axeitado para albergar no seu interior unha cohorte, unidade militar duns 500 homes con persoal de infantería e cabalería. Grazas ás tellas con marcas lexionarias atopadas nel, sábese que a unidade que estaba destinada alí era a cohors I celtiberorum equitata civium romanorum, pertencente á Legio VII, acantoada en León.

De forma rectangular con esquinas arredondadas, o conxunto estaba protexido por unha muralla, foxo e torres de reforzamento. Tiña catro portas monumentais de dobre arco das que non quedan restos, pois os seus perpiaños de granito foron reutilizados en épocas posteriores para construcións na zona. Dentro del distínguense varios edificios, o principia ou cuartel xeral, un edificio administativo e de carácter relixioso no que se situaba o aedes, que era onde se practicaba o culto imperial e se gardaban os símbolos da unidade militar, e o praetorio, que era a casa do xefe da gornición. Outros edificios que deberon de compoñer o asentamento eran os horrea ou graneiros, o hospital, os barracóns de soldados, os edificios de obradoiros e as cortes dos cabalos. En recentes traballos de escavación atopáronse restos de dous fornos pegados a un dos muros. 

O asentamento foi abandonado no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Logo reocupouno no século VII unha comunidade probablemente de tipo relixioso, como parece indicar o achado de restos dunha igrexa de planta rectangular e unha tumba. Parte das pezas atopadas nas sucesivas escavacións están expostas de xeito permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico - Castelo de Santo Antón, na cidade da Coruña.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia promoveu en 2017, co cofinanciamento de fondos Feder, actuacións de escavación e consolidación arqueolóxica do xacemento, ás que está previsto darlles continuidade. Este ano leváronse a cabo actuacións de rehabilitación da caseta-almacén, dos valados e dos peches do campamento, así como de mellora da accesibilidade e desmontaxe da malla espacial que cobre o campamento. 

 


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos