Quinteto Egeria

CANTOS RE-CORDADOS

Colección de cancións populares galegas "disfrazadas de música clásica" 

 

Quinteto_Egeria.jpg

 

Ildikó Oltai, violín
Kiyoko Ohashi, violín
Ioana Ciobotaru, viola
M.ª Jesús Hervás, violonchelo
Alfonso Morán, contrabaixo

 

Sábado 10 de outubro, 19.00 h

Adegas Roandi, O Barco (Ourense)

(Coñece o teu patrimonio: ás 11.00 h, ruta pola contorna natural e cultural de Éntoma)


O Quinteto Egeria é un quinteto clásico de instrumentos de arco, con sede en Santiago de Compostela, formado por intérpretes membros da orquestra Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago. O grupo inicia a súa andaina como cuarteto integrado por catro mulleres de diversa procedencia (Hungría, Xapón, Romanía e Valencia) asentadas todas elas en Galicia, ás que posteriormente se uniría o contrabaixista Alfonso Morán para conformar o quinteto. O feito de estar composto fundamentalmente por mulleres que conflúen nun lugar emblemático de peregrinación, Santiago de Compostela, levou á escolla do nome do grupo, en homenaxe á primeira muller que, no século IV, e procedente da Gallaecia romana, saíu en peregrinación a Terra Santa: a monxa Egeria. Desde a súa formación en 2009 participaron en importantes ciclos e festivais como o Ciclo de Música de Cámara da Real Filharmonía de Galicia ou no Festival Via Stellae. En 2012, cumpriron coa encomenda de gravar para a Televisión de Galicia unha colección de cuartetos e quintetos de corda a partir de cancións populares para o programa No bico un cantar.

O programa escollido para esta ocasión permitirá gozar do virtuosismo duns experimentados intérpretes a través dun variado repertorio de pezas procedentes da música tradicional galega, xunto a pezas do repertorio clásico, cancións populares e cancións de autor, arranxadas (“disfrazadas”) polo propio Alfonso Morán, para quinteto de cordas.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos