Ensemble la Morra

LUCE NELL'OMBRA

As músicas de Francesco Landini (1325-1397)

 

LA_MORRA_2.jpg

Vivaviancaluna Biffi, soprano e fídula
Corina Marti, frautas, clavisimbalum, organetto
Michal Gondko, laúde

 

Domingo 13 de setembro, 20.00 h

Igrexa de San Nicolao de Cis, Oza-Cesuras (A Coruña)

 

Francesco da Firenze, máis coñecido como Francesco Landini, é un dos compositores italianos de maior sona do chamado trecento. Cego desde neno, Landini aprendeu a tocar diversos instrumentos, era cantor, escribía poesía e compoñía música. Tamén se ten noticia de que era un experto construtor de instrumentos musicais e de que tiña amplos coñecementos de filosofía e astronomía; unha especie de antecesor, en suma, do humanismo renacentista en pleno século XIV. Del consérvase unha fermosa miniatura, no Códice Squarcialupi, no que aparece representado, coroado de loureiro e tocando un órgano portativo. Da súa prolífica obra, o grupo La Morra fai una escolla dalgunhas das súas máis fermosas ballatas, a través das cales Landini mostra un especial don para a composición melódica e, ao tempo, a súa capacidade de atopar orixinais solucións harmónicas.

O conxunto La Morra, que toma o seu nome da famosa peza instrumental do mestre Heinrich Isaac, forma parte dun grupo de prestixiosas formacións, que se foron facendo un espazo no mundo da música antiga a comezos do presente século. Especializado na interpretación da música tardomedieval e do primeiro Renacemento (1300-1500), o grupo ten a súa sede en Basilea, un dos máis reputados centros de estudo e investigación da música antiga. Fundado e dirixido por Corina Marti e Michal Gondko, a agrupación actuou nos máis prestixiosos festivais europeos e norteamericanas e os seus traballos discográficos recibiron as máis eloxiosas críticas, mencións e premios. Nesta ocasión, preséntase cunha formación de tres músicos, para lle render homenaxe ao mestre Francesco Landini, no espazo da fermosa igrexa gótica de San Nicolao de Cis.

 

www.lamorra.info

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos