Dúo Fdez. & Quintá

 

DUoDfz-Quinta_2.jpg

Óscar Fernández, zanfona
Carlos Quintá, acordeón diatónico
Pablo Quintana, palestra

 

Sábado 24 de outubro, 19.00 h

Sala nobre do Museo Massó

(Coñece o teu patrimonio: ás 12.00 h, xornada arredor da pegada de Lugrís e os Massó na vila de Bueu)

 

O dúo Fdez. & Quintá, formado por Óscar Fernández e Carlos Quintá, reinterpreta músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras. O seu repertorio complétase con composicións orixinais e temas doutras culturas europeas que transforman o repertorio tradicional de baile nunha refinada e íntima sensación melódica.

Estes dous instrumentos, a zanfona e o acordeón, a pesar de ter fondo arraigamento na música tradicional galega, non chegaron a coñecerse entre si. Cando esmorecía a zanfona no interior de Galicia, a finais do XIX, chegaba o acordeón á costa. O acordeón achega a harmonía, os baixos e unha melodía dinámica; a zanfona, a calidez das cordas fretadas e a percusión do bordón. Unha orquestrina completa con só dous músicos.

O espazo escollido para este concerto, o Museo Massó, ademais de estar en íntima conexión coas industrias e a cultura do mar que inspiran o concerto e que impregnarán o resto da xornada, responde ao interese que ten a presenza, na colección do Museo, dunha zanfona, probablemente do século XIX, que pertenceu á familia dos Massó. Sobre as zanfonas históricas galegas falará, como introdución ao concerto, o investigador e xornalista, Pablo Quintana.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos